Thursday 02 de May de 2024

A Torre de Hércules e a Lanterna di Genova inician un proxecto de colaboración


Os dous faros máis antigos do mundo aínda en funcionamento traballan cara un irmandamento

Os perfiles de redes sociais das dúas entidades realizarán publicacións conxuntas para difundir a historia da Torre e da Lanterna

A Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo aínda en funcionamento, e a Lanterna di Genova, o segundo na lista e o máis antigo do Mediterráneo, están a colaborar nun proxecto polo seu irmandamento.

Desde este venres os perfís en redes sociais das dúas entidades traballarán conxuntamente, colaborando para difundir a historia, curiosidades e datos dos monumentos. A través de diversas publicacións mensuais, os seguidores poderán coñecer máis sobre os elementos en común que unen ao faro da cidade italiana co da cidade da Coruña.

Entre eles, o vínculo de ámbalas dúas urbes coa emigración, as súas reconstrucións e reinvencións sufridas ao longo da historia, a súa relación coa contorna natural, tanto terrestre como marítima, a súa identificación como símbolos das cidades nas que están erixidos e, por suposto, a súa relevancia como sinais marítimos e instrumentos de navegación, tanto no Atlántico como no Mediterráneo.

Os primeiros traballos conxuntos comezaron no pasado mes de marzo, cando unha expedición de Xénova acudiu á Coruña e puido coñecer a Torre de Hércules en persoa. No mes de maio, ámbolos dous faros ilumináronse de azul no día 9, polo Día de Europa, reforzando a colaboración entre a Torre de Hércules e a Lanterna di Genova.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.